O Talentiño estrea sintonía

 

 

  • O certame de novos artistas prometedores estrea a súa sintonía con letra de Antón Cortizas e música dos seus fundadores.
  • O videoclip da peza estrearase en YouTube o mércores e haberá unha sorpresa na gran final. O novo tema musical será presentado nas redes sociais e formará parte do acto no Teatro Jofre de Ferrol.

 

Luns 17 de febreiro de 2025 – O certame de talento xuvenil O Talentiño presentará este mércores o videoclip do seu tema oficial, unha peza musical que promete converterse no himno do certame. A letra foi escrita polo recoñecido escritor ferrolán Antón Cortizas, gañador do prestixioso Premio Merlín no ano 2001 e do premio O Barco de Vapor en tres ocasións.

Os fundadores de O Talentiño, Joaquín Enríquez, Xabier Vizcaíno e Lucía Pérez, foron os encargados de dar vida a estas letras cunha composición musical única. Ademais, a canción foi interpretada pola inconfundible e fantástica voz de Lucía Pérez.

A estrea da peza completa terá lugar este mércores na canle de YouTube O Talentiño, permitindo a todos os seguidores do concurso gozar deste novo himno. Esta composición tamén será unha das grandes sorpresas que prepara o equipo de O Talentiño para a gran final, que se celebrará no emblemático teatro Jofre de Ferrol.

O CONCURSO

Calquera persoa interesada en participar nesta edición, organizada polo Concello de Ferrol e con idades comprendidas entre os 8 e os 18 anos inclusive, poderá participar en calquera das 5 categorías (danza lírica, danza urbana, instrumentistas, vocais e variedade) ben individualmente ou en grupos de ata 12 membros.

Para inscribirse, siga as instrucións da páxina web 2025.otalentiño.es  ou visite www.otalentiño.es. En concreto, trátase de cubrir un par de anexos que posteriormente poderán ser escaneados ou fotografados e enviados xunto cun vídeo (a organización recomenda que se suba o vídeo e se facilite unha ligazón a YouTube) ao correo electrónico info@otalentino.es co asunto «Inscrición Talentiño Ferrol 2025».

O prazo de inscrición permanece aberto ata o 14 de marzo de 2025, mentres que a gran final celebrarase o domingo 23 de marzo no Teatro Jofre de Ferrol, onde os participantes seleccionados competirán ante un xurado composto por recoñecidos persoeiros do mundo do espectáculo.

 

Novidades desta edición

Nesta edición o xurado seguirá formado por: a cantante de Eurovisión Lucía Pérez, o cantautor Xabier Vizcaíno e a bailarina ferrolá Eva Faraldo. Non obstante, como unha das primeiras novidades que revela a produción do evento, este ano incorporarase ao xurado de expertos un cuarto membro, que nesta ocasión será a coñecida presentadora da TVG e cantante da Orquestra Panorama, Fátima Pego.

Este ano tamén se melloraron os premios: os gañadores recibirán 300 euros e unha entrada a un parque multiaventura, mentres que os finalistas tamén gozarán do acceso a este parque temático.

Tamén se incrementou o número de participantes na categoría de grupos, pasando de 6 a 12 membros que poderán participar na edición deste ano.

A final, segundo anunciou o ano pasado o alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, contará cun escenario de luxo, o Teatro Jofre, nunha gran gala que presentarán Joaquín Enríquez e Rebeca Collado, e que contará con numerosas sorpresas.

Fotografía: Lucía Pérez, Xabier Vizcaíno e Joaquín Enríquez puxeron a  música á letra de Antón Cortizas